Sigur Ros en Campo pequeno

Había xa moitos anos que quería ver a esta banda, quería facelo nun concerto de seu, nada de festivais masivos nin vídeos cutres no youtube. Atoparme en Portugal cando a banda está de xira mundial era sinónimo de concerto asegurado. O lugar escollido foi Campo Pequeno, a praza de touros de Lisboa de espectacular arquitectura mozárabe e na que os touros non son asasinados por unha orde que data do XIX; razón de máis para sentirse menos incómodo na primeira visita a unha praza.

O concerto comezou 2 minutos antes da hora fixada, cun grupo (For a Minor Reflection) composto por rapaces moi novos, tamén islandeses, que fixeron desfrutar moito a un público, loxicamente moi receptivo á proposta post-rock do grupo, próxima a Explosions in the sky, que entre canción e canción daban as gracias a Sigur Ros pola oportunidade e comentaban entre sorisos a meteórica ascension do seu MySpace dende o comezo da xira. O certo é que o grupo ainda com algunha carencia técnica soubo por ao público a tono e deixou o ambiente perfecto para logo escoitar á banda máis coñecida de Islandia.

Despois dun bo anaco, sairon os agardados Sigur Ros que sen mediar palabra comezaron coas notas de “Svefn-g-englar” o que fixo que o público xa entrar nunha xeira de cancións que mantiveron un perfecto fío emocional de subidas e baixadas, cousa que era a miña única dúbida sobre o concerto, debido a que o último disco ten pasaxes de “baixón” excesivo. Á vez que se sucedían temas dos discos anteriores e do novo, o público ía meténdose máis e máis en cada canción sufrindo unha evolución in crescendo parella á do escenario, a primeira vista minimalista, pero que logo amosou unha cantidade brutal de posibilidades coma unhas coidadas e espectaculares videoproxeccións de imaxes gravadas e imaxes en directo, así coma elementos de luces extremadamente coidados e meditados e, como non, unha pequeniña pero visible bandeira islandesa que, na altura, tiña ainda máis significado polo momento que pasaba o país.

Sigur Ros, confesaron que o público portugués era dos seus favoritos, e abofé que non era para menos; un respeto e atención total ademáis dun aforo prácticamente cheo; cada fin de peza era seguido dun logo aplauso e posterior silencio absoluto á espera da nova pílula emotiva. Só houvo tres intervencións de Jónsi Birgisson, o cantante, a primeira delas comezando en islandés para falar co seu técnico e a seguir un emocionado e tímido speech en inglés, falando de Portugal e do novo disco.

Os longos temas do grupo, así coma a súa carga emotiva e sonora, facían que cada canción fora un mundo distinto ao anterior, acompañándoo coa ambientación do escenario, a mellor que teño visto. Chegando ao final tocaron Gobbledigook acompañados polos For a minor reflection con tambores e todo o público batendo palmas nun ambiente de felicidade contida que explosionou cunha choiva de confeti á que rematada a canción o seguiu un aplauso longuísimo e os Sigur Ros retirándose para o intervalo. Voltaron para completar as case dúas horas de concerto na mesma tónica de excitación e cando xa se retiraron finalmente o público porgués fixo que os islandeses tiveran que subir ao palco duas veces máis para se despedir e agradecer a obación final.

Non era sen tempo que, como fan declarado, puidera ver a Sigur Ros e como vos imaxinades non decepcionou nin moito menos ver ao grupo que cantando nunha lingua apenas falada no seu pequeno país conmove a medio mundo.

“Cuanto hay que aguantar”

Hai quen di que nunca debes laiarte dos tempos que che tocou vivir, pois de pouco te servirá. Pero sempre está esa excepción que confirma a regra, e aquí está Roger de Flor para demostralo.

Xa podes ver na rede o novo vídeo clip de Roger de Flor, “Cuanto hay que aguantar!” ,  adianto do seu disco “Naturalidad Silvestre (2008)” que sairá a luz en pleno Nadal e que virá acompañado dunha sorprendente xira de presentación en directo que principiará o 26 de decembro no Ateneo Ferrolán para continuar por Vigo e A Coruña, entres outras cidades galegas. Nesta ocasión o bardo limodrés sofre unha insólita mutación, converténdose nun “impersonator” do Sinatra “ratpackiano”. Isto e moito máis nunhas imaxes que toman como decorado a noite ferrolá máis insospeitada e nun vídeo que mestura a “Nouvelle Vague” cun Fred Astaire de mércores de mercadillo en Recimil. A peza e a súa tradución visual déixanos claro que cando todo está mal, sempre acaba poñéndose peor, pero poucas veces resulta tan divertido.

John Cale na Capitol


John Cale by quasilaur

A cousa non pintaba ben, porque empezou con proibicións: non fumar, non sacar fotos “a causa dunha alerxia do artista” (ao tabaco ou ás fotos?) e baixo pena de suspensión do concerto. Aí a Cale saíulle a herdanza da súa formación clásica, de concertos con grandes sinfónicas capaces de parar en seco por un irrespetuoso politono. Ou iso, ou a idade, a bronquite e as incipientes cataratas.

Porén, xa dende o primeiro tema demostrou que viña a dalo todo, e o ambiente da Capitol, razonablemente chea aínda que sen asfixias, así o requería. John Cale emprendeuna cunha serie de imprescindibles (París 1919, Hello there) alternando entre o teclado e a guitarra, e entre o rock-blues e o mais experimental e persoal, cunha banda correcta (Dustin Boyer á guitarra, Joseph Karnes ao baixo e Michael Jerome na batería) que arroupaba sen restarlle visibilidade ao virtuosismo que despregou o músico galés, especialmente nas súas improvisacións e efectos ao teclado, como as de Heartbreak Hotel ou Pablo Picasso, co que pechou o espectáculo.

Non houbo bises, aínda que tampouco escatimou enerxías na hora e media longa de concerto, na que á penas houbo pausas e na que conseguiu transmitir unha forza impresionante, aínda que iso si, cunha profesionalidade que por momentos se volvía fría. En conxunto,un grande concerto, dos que se lembran moito despois e non decepcionan nin aos fans nin aos ocasionais.

Construcións

DSC03210

Dende sempre se considerou importante que o texto fluíse, a ser posíbel como onda xigante que asolagase os maiores territorios posíbeis. Alén de consideracións románticas, os autores sempre preferiron unha fluencia non directamente relacionábel coas vendas. É mellor vender un exemplar que vai pasar mediante préstamo por doce persoas distintas a vender tres exemplares que van ficar esquecidos polos seus mesmos propietarios. Se un texto flúe é porque está vivo, porque xera debate e volve recrearse a cada lectura. A auga estancada ten tendencia a apodrecer e incubar noxentas enfermidades.

A innovación proposta por Eduardo Estévez con Construcións é o dun xeito de fluír actualizado aos novos tempos. A súa polémica orixe non daba para agardar outra cousa. Construcións naceu como un blogue, que alén de espallar os textos pola rede, permitía participar ao lector no proceso creativo do libro aconsellando modificacións ou expresando a súa opinión. O propio autor fomentaba o debate, creando enquisas virtuais para escoller os distintos finais dun poema, ou amosando as correccións que ía facendo sobre o texto. Probabelmente nunca tan perto estivo a nosa experiencia de acompañar os borranchos de caderno que tan importantes son na creación dunha obra literaria. O devir do libro unha vez rematado tamén tivo as súas propias turbulencias, xa coñecidas por todo o mundo, pero que serviron para revitalizar a súa existencia na rede, debates apaixonadas e preguntas filosóficas incluídas. Que é Construcións? É un libro ou é un blogue? É un acto de mala fe ou é unha víctima propiciatoria? Construcións non é nada diso. A súa natureza achégase máis á da corrente de auga, ao bucle de transformacións constantes que dan fe da súa propia validez literaria.

DSC03215

A presentación pública que propón o autor, e que o levará por distintas cidades e vilas galegas, propón unha elo máis nesa cadea. Se a obra mutou da súa existencia virtual a un libro real editado por Positivas, se o texto foi definitivamente fixado nunha versión determinada, é necesario que ese obxecto físico non se convirta nun ponto final que envase ao vacío o fluír das ideas que o motivaron. O seu recitado público é unha nova transformación que invita ao caudal da imaxinación a fluír de novo e buscar novos camiños.

O parte máis importante da presentación do libro é o recitado. Un recitado completo da obra, até certo ponto clásico, sen demasiados alardes dramáticos. Porén, o autor conseguiu incorporar a ese espectáculo pequenas innovacións que o transforman dun xeito similar a como se transformou a relación do lector medio cun texto coa aparición da web 2.0. O espectador non é tal, xa que non se limita só a observar, é convidado a participar, a cumprir unha pequena visión que supoña unha nova evolución do texto, desta vez xogando coas súas evocacións. A paisaxe do escenario tamén non será a mesma cano a actuación remata. As construcións acompáñanse doutras que son deixadas inacabadas á mantenta, e as palabras do público pasan a compoñer un novo telón de fondo.

Finalmente, a encomenda videográfica feita a Lara Bacelo asegura que a idea mutante de Construcións vai volver á rede e á blogoleira, a seguir o seu fluír, completando un ciclo máis na roda de transformacións.

Dobre Sesión

Tomada de http://flickr.com/photos/heilemann/

Baixo o título Programa Dobre SCIFI-Compostela, Cineuropa programa hoxe unha estupenda sesión dobre de ciencia fición clásica, ao máis puro estilo americano. Dous filmes de xénero, exiguo presuposto e moita paixón; tanta que contrarresta calquera das numerosas carencias técnicas.

O primeiro título proxectado é The man with the X-ray eyes. Un filme do ano 63 de Roger Corman, director de culto responsábel entre outras da marabillosa adaptación de The Crow, o famoso poema de Poe, que conta ademais coa memorábel interpretación de Vincent Price.

O segundo filme é Forbidden Planet de Fred M. Wilcox, do ano 1956. É unha historia máis clásica de ciencia ficción: exploracións planetarias e androides, pero conta con varios puntos de interés. O máis relevante é o feito de tratarse de unha adaptación da obra de Shakespeare A tempestade. Outro atractivo é a primeira aparición na pantalla de Robby o robot, quen apareceu en máis de trinta filmes e series dende entón.

A sesión comeza ás 00:15 h no Teatro Principal.

Tampouco o digas tan alto…


Existe un arquetipo, un personaxe literario pero tamén real, que poderíamos chamar o do bo escravo: o súbdito que acepta a súa condición, e que de xeito mais ou menos consciente fai seu o discurso do amo (sustitúase amo por señor, patrón, xefe, esposo…). Este discurso pode resultar mais ou menos benévolo, pero en todo caso sitúa ao dominado nunha situación de permanente minoría de idade, de ser que non pode ou non sabe valerse por si mesmo. O escravo (sustitúase escravo por vasalo, operario, subordinado, muller…) éo polas súas características intrínsecas, e en última instancia polo seu ben.

Moitos artistas negros foron acusados de colocarse nesta posición de bo escravo con respeto das elites brancas, comezando por Louis Armstrong. Tocaban en clubes nos que os seus non podían entrar, e nos que eles mesmos non podían quedar e tomar unha copa despois. James Brown viviu a fin do apartheid nos Estados Unidos na época álxida da súa carreira, e tamén o asasinato de Luther King e as revoltas que o seguiron. Brown non era pacifista, e nalgunha ocasión fixera declaracións desmarcándose da postura non violenta do Dr. King. Ao cabo, King era un home de igrexa, e Brown un home da rúa.

O documental “A noite que James Brown salvou Boston” refírese ao concerto do pai de funk a fin de semana inmediatamente seguinte ao asasinato de King. A sociedade negra preparábase para prenderlle lume ás cidades brancas nunha noite de disturbios a grande escala. En Boston, era previsible que o concerto funcionara como foco da revolta. Porén, isto non ocorreu, en parte pola decisión de retransmitir o concerto por televisión (como consecuencia, grande parte dos que mercaran entrada devolvérona e quedaron na casa: non estaba o forno para bolos), pero sobre todo porque o propio Brown fixo un chamamento á paz e a respectar a memoria de Martin Luther King e do seu ideal de non violencia. Mentres os barrios brancos de Nova Iorque ou Washington sofrían a vinganza pola morte do Dr. King, Boston era unha balsa de aceite.

No filme, preséntase isto como un triunfo do carisma do cantante, e tamén como unha proba do seu mais que demostrado compromiso racial (“Say it loud, I’m black and I’m proud”). O concerto de James Brown salvou centos de vidas esa noite, destinada a ser unha outra caída de Troia. Pero en realidade, a quen salvaba ese concerto? Nos barrios negros, cada noite morrían persoas de xeito violento, houbera ou non disturbios. O problema era que nesta ocasión os afectados serían os brancos.

Todo o documental presenta unha imaxe idealizada dun personaxe con abondosos claroscuros: por unha banda liderando a loita afroamericana, por outra apoiando a Nixon. Trata de presentar esa incoherencia como produto dun carácter indómito, e como proba precisamente de que James Brown “non se vende”, xa que defende en cada momento aquilo que considera oportuno, sen importarlle as críticas. A pesares das abondosas testemuñas louvatorias, á fin queda claro para calquera espectador medianamente crítico que o que o artista defende en cada momento é o seu propio interese.

A realidade é que Brown abrazaba o ideario branco dominante na súa totalidade, unha vez salvado o conflicto racial. O capitalismo, o patriotismo americano e o mito do self-made man. A idea de loita racial que defendía era a completa asimilación ao sistema opresor, unha vez conseguida a equiparación (teórica) de dereitos. Cando foi tachado de vendido polos Panteras Negras a súa contestación non deixa lugar a dúbidas: “Eu comecei de rapaz dos recados nunha discográfica. Hoxe esa discográfica é miña. Iso é Black Power”. O mito do enriquecemento persoal como salvación case relixiosa, de raíz calvinista, aplicado á loita racial: podemos chegar (economica, politicamente) ao mesmo que os brancos. Non importa que o sistema sexa inxusto en esencia, que cree desigualdades per se e non só en función da raza. O obxectivo é integrarnos nel, asimilarnos aos amos e poder ter tamén escravos (subordinados, empregados, esposas…).

Deste xeito, ademáis, o sistema desactiva a loita social, porque nunca chega a poñerse en dúbida a esancia mesma da inxustiza. Fagocita ao disidente coa promesa de que agora, por fin, ten a aportunidade de ser como os amos. Que é no fondo o que todos queremos. Se cadra hoxe estamos de novo ante un bo escravo, ante outra reviravolta do sistema para que todo permaneza igual.

Gorevision TV, Vol. 20: Garrulos Lisérxicos do Espacio Exterior

gorevisiontv segura vs blanco

Este fotograma pertence a un dos episodios perdidos de Gorevision TV, aquel que contiña unha inconmensurable entrevista-duelo-performance realizada man a man entre Santiago Segura e o malogrado cineasta galego Toñito Blanco, autor dun dos buques insignias do cinema galego independente moderno, “La matanza caníbal de los garrulos lisergicos”. Os responsables da recuperación Online desta xoia da historia da televisión galega, non perden a esperanza de atopar ese incunable VHS algún día, nalgunha perdida estanteria ou polvoriento caixón e podérvolo ofrecer para voso deleite.

Namentres podedes rememorala obra do coruñés con este tráiler realizado xa fai mais de dez anos polo  equipo de Gorevision.



© Creative Commons 2008 VERME . Grazas pola visita!