Sampler gratuíto do selo !K7

Un dos selos electrónicos máis reputados do noso tempo é o alemán !K7. Unha pequena empresa que desde finais dos anos oitenta até hoxe veñen enchendo de bo gusto e melodías downtempo os andeis da nosa discoteca. Nomes como Kruder & Dorfmeister (que pasarán polo Festival Move de A Coruña), A Guy Called Gerald ou mesmo nomes máis comerciais dentro do panorama actual da música con maquiniñas coma os Hot Chip, tiveron ou teñen a súa casa nesta marca xermana.
Todo isto ben a conta da recente aparición na web do propio selo dun sampler de libre descarga que compila algúns dos mellores temas editados por !K7 neste ano 2008 que entra na súa fase de despedida e peche. Carl Craig, Bomb The Bass ou os xa nomeados Hot Chip encherán de ledicia a aqueles seus seguidores que gostamos das músicas de balde.
Para conseguílo só tes que entrar nesta ligazón e seguir as instruccións aí indicadas.
Debut de Few Days Later
Few Days Later - Falling Down
A banda de Lugo Few Days Later, gañadores do primeiro concurso galego de maquetas 100 Pipers, veñen de materializar o seu premio en forma de disco de longa duración. Leva por titulo Your Voice Is My Intoxication e nos ofrece 14 pílulas de punk-rock cantadas case na súa totalidade en inglés e que, de seguro, encantarán aos seguidores de bandas do estilo de NOFX e o mítico selo Fat Wreck Chords. A gravación realizouse nos Estudios Abrigueiro de Friol onde Arturo Vaquero tivo a posibilidade de pulir o són dunha banda nova que dá un paso importante na súa carreira musical. Non todo había ser pachanga e pop na nosa escea musical.
Hoxe comeza Cineuropa
Hoxe comeza unha nova edición do, xa tradicional, Cineuropa.
Supoñemos que o feito de ser un magazine de recente nacemento déixanos fóra de información sensíbel ao respecto de tan coñecido festival pero, ao tempo, pensamos que algo de información para o público en xeral non estaría de máis.
Se entrades na súa web podedes comprobar que, a día de hoxe, aquelas persoas que non teñan posibilidade de pasar polas billeteiras do Teatro Principal de Compostela están privados da programación por días, prezos das entradas, ofertas, etc. necesarias para organizar calquera tipo de visita á capital e ao seu festival cinematográfico máis senlleiro.
Desde Verme desexamos que a programación teña unha nota de 10, pero por agora só podemos darlle un 5 á organización.
Sobre a crise das subprime
“Os Crebinsky: O Filme”, a opera prima de Enrique Otero na recta final da súa rodaxe.

A partir da curta de mesmo título coa que hai anos conseguiron incluso un premio en Valladolid, o tándem Enrique Otero - Miguel de Lira desenvolveu un proxecto de longa que, xustamente nestes días , se atopa na recta final da súa rodaxe. O filme, segundo palabras do propio director: “garda certa estética, concepción dos personaxes, música e mesmo o ritmo da curta… Mais a historia é máis expansiva, unha road movie con varias tramas paralelas. Os Crebinsky parten sen saber a onde van, e acaban descubrindo de onde veñen”.
Confeso admirador de filmes como “Vacas” de Julio Médem ou “Delicatessen” de Jeunet & Caro, Enrique Otero pretende que “Os Crebinsky: O Filme” consiga contaxiarse dunha atmosfera que xurdiría da mestura entre o “costumismo de autor” do filme de Médem, e o “grotesque deluxe” da película dos galos (dos “franchutes“, quero dicir). “Non é necesario repetirse nos tópicos típicos… A Galicia de hoxe, está chea dun realismo que, se o miras ao detalle, estraña” asegura o artífice desta singular proposta que utiliza o galego como idioma de gravación, pero na que tamén se poderá escoitar falar ruso -a lingua do pai dos Crebinsky- alemán, inglés e incluso “linguaxe vaca” (?).

“Os Crebinsky: O Filme” é a historia de dous irmáns, Feodor e Mihail Crebinsky que sobreviven, canda a súa vaca, coas cousas traídas polas mareas que apañan na costa, as “crebas“. A súa existencia complícase cando se ven enleados na Segunda Guerra Mundial, en medio dun absurdo episodio bélico que provocou que o desembarco dos aliados, que se ía efectuar fronte ás nosas costas, se desprazase finalmente cara á Normandía. Comezan entón, e guiados pola súa vaca, unha viaxe existencialista que os levará até a súa orixe.

Dirixida por Enrique Otero e protagonizada por Miguel de Lira, Sergio Zearreta, Patricia de Lorenzo, Celso Bugallo, Luís Tosar, Manuel Cortés e Iolanda Muíños. O propio director e o actor Miguel de Lira tamén asinan o guión desta longametraxe que, nun futuro non moi distante, será, sen dúbida, un dos buques insignia dese “novo cinema galego” co que sen rubor poderemos sentirnos identificad@s @s cinefil@s galeg@s de pro.
E agora, vou de “rapateo” á praia de Doniños a ver se atopo algún tesouro. Talogho.
Michael C. Place & Pritt
O deseñador gráfico londinense Michael C. Place, ex-membro The Designers Republic, establecido pola súa conta dende 2001 como Build, amósanos o seu bo facer nunha campaña de promoción de produtos Pritt.
Doenza II [acción sonora] - Lugo
![Doenza II [acción sonora] 1 doenza II [acción sonora] 1](http://farm4.static.flickr.com/3147/2971247225_4d5e5c9163.jpg)
O Museo Provincial de Lugo acolleu unha acción sonora pouco habitual nestas terras. O combo experimental Leucochloridium preparou un espectáculo baseado na imaxe e o ruido no que se buscaba a interacción mental co público asistente. Sobre trinta persoas enchían o Refectorio do antigo Convento de San Francisco. Rodeados dunha verxa máis propia dun galiñeiro e conectados por auriculares aos músicos, os asistentes sentaron na fría pedra e comezaron a experimentar cos ouvidos e os ollos da maré de sons e imaxes, que tanto os músicos coma o artista visual d-rndm lanzaban sen repouso para os sentidos.
![Doenza II [acción sonora] 2 foto: Txiki Calvo](http://farm4.static.flickr.com/3050/2971251413_e51986eb1a.jpg)
As paisaxes sonoras camiñaban entre o relax auditivo e a paranoia máis cruel e cadaquén, na soidade do seu espazo vital, reaccionaba aos estímulos sensoriais que os levaban, aos poucos, nunha nube imaxinaria que só rompía, de cando en vez, a voz doce e suxerente da poetisa Lorena Souto desde a pantalla de video instalada tras dos músicos.
A música concreta, os medios mixtos, Pierre Schaeffer abrazando as músicas de Forbidden Planet dos irmáns Barron. Ausencia de melodías cunha manchea de efectos, ruidos, voces que eran acompañados de xeito maxistral con sons saídos de instrumentos “tradicionais” coma o baixo ou teclados ou mesmo excepcionais coma o Theremin.
![Doenza II [acción sonora] 2 doenza II [acción sonora] 3](http://farm4.static.flickr.com/3242/2972095610_c29b4d12c5.jpg)
Unha hora de espectáculo calculadamente improvisado no que o público, impactado, ficou pegado ao frío chan sen deixar de disfrutar ou mesmo sufrir esa maravillosa loucura de innovación musical que desde este magazine recomendamos sen dubidas.
Estará preparada Galiza para estas extremas propostas? Haberá máis concellos dispostos a acoller tal experiencia? A bola está no seu tellado.



